Muxía, Camariñas e Vimianzo solicitarán 1 millón de euros para mellorar o emprego nas localidades

1 minutes read
  • O obxectivo dos programas de emprego, que beneficiarán directamente a 144 persoas, é mellorar a inserción laboral da xente dos tres municipios

Este luns a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e o alcalde de Muxía, Iago Toba; firmaron nesta última localización un acordo para traballar conxuntamente en tres proxectos que permitirán mellorar o emprego e a formación nestes municipios.

O investimento total previsto é de 1.060.026 euros e pretender cofinancialo a través das respectivas subvencións solicitadas á Xunta de Galicia que se destinarán a proxectos como o obradoiro dual de emprego ‘Camiño ao Emprego’, obradoiro xuvenil de emprego ‘Xuventude polo emprego’ e o programa integrado de emprego ‘Tecedoras de Futuro’.

O obxectivo que se persegue con este investimento é o de mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego nos tres concellos, así como o fomento da cultura emprendedora, a creación de empresas e a fixación de poboación no rural.

Con estes programas beneficiaranse directamente 144 persoas entre alumnado, persoal dos obradoiros e usuarias do PIE.

Tanto Sandra Ínsua, como Mónica Rodríguez e Iago Toba destacaron a importancia da unión dos tres concellos para poder levar a cabo iniciativas coma estas.