Muxía celebra o Xacobeo cunha exposición sobre o Camiño de Santiago

1 minutes read
  • A mostra será inaugurada polo rexedor da localidade este xoves ás 19:00 horas no Salón de actos do Voluntariado

O Concello de Muxía acollerá este xoves 27 unha exposición itinerante sobre o Camiño de Santiago. Será ás 19:00 horas no Salón de actos do Voluntariado.

Esta iniciativa, promovida pola Liga de Periodistas do Camiño de Santiago, contará con inscricións en braille e cun xogo de gran tamaño da oca para que os nenos aprendan xogando sobre este relevante patrimonio. Tamén poderán verse instantáneas do fotógrafo muxián Xesús Búa.

Dita asociación entregará en xuño en Santiago o premio ‘Aymeric Picaud’ á editorial francesa ‘Le Vieux Crayon’, pola súa difusión sobre o Camiño e para dar a coñecer algunhas das máis destacadas pegadas históricas relacionadas co roteiro. Tras o acto, unhas 60 persoas procedentes de varios puntos de España, Francia e Portugal, visitarán Muxía e Fisterra, cunha parada obrigada na exposición que inaugurará o rexedor, Iago Toba. “Para Muxía é unha honra acoller iniciativas tan relevantes como esta, que poñen a localidade no mapa e unen a nosa historia á do Camiño de Santiago”, sinalou o alcalde.