Muxía celebrou con éxito a súa festa literaria, ‘Literatura na Rúa’

1 minutes read

Tratouse da I edición da ‘Literatura na Rúa’, organizada pola concellería de Cultura e pola Asociación Galega de Escritores, ao cal pertence a veciña muxiá, Lucinda Rey Escrivano.
Nunha xornada lúdica levouse a cabo unha programación que contou con presentacións de libros, recitais poéticos e firma de libros con autores e autoras da Asociación que se desprazaron ata a vila da Barca para ser partícipes da exitosa xornada.
Como broche, o acto contou cun pequeno concerto de música do país interpretado polo grupo Acordereta que combinando acordeón, pandeireta e voz fixo as delicias das persoas presentes.

Realizouse un acto literario en homenaxe ao autor muxián, Gonzalo López Abente, aos pés do seu monumento e conmemorando o 60 aniversario do seu falecemento. A homenaxe pechouse coa entrega dun centro floral no monumento levado a cabo polas autoras que participaban na xornada literatura na rúa e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch.