Muxía | Completa programación de actividades con baile incluído

1 minutes read

O Concello de Muxía impulsa unha completa programación de actividades para a veciñanza cun gran éxito de convocatoria. A novidosa oferta de baile moderno e de salón, para as 5 franxas de idade, é a que mellor acollida está a ter.

“É unha actividade que se realiza desde os tres anos e sen límite de idade, polo tanto unha das que máis poboación abrangue”, recalca Olalla Benlloch, concelleira de Cultura, que confía en que “xurdan máis cursos e actividades o longo de todo o inverno”.

O Concello acaba de presentar dúas iniciativas: as actividades municipais para o vindeiro curso 2022-2023 e o programa Cultura outonal, e a edila avanza que “xa se está a traballar nas actividades do Nadal, que comezarán cun gran espectáculo de luz e cor o vindeiro 3 de decembro, co acendido da árbore e os elementos ornamentais”.

O alcalde, Iago Toba, resaltou “a gran cantidade de oferta cultural, deportiva e de lecer do municipio muxián”, e agradeceu o traballo da concelleira para ofrecerlle á veciñanza unhas actividades “de calidade” e “sen subir ningunha cuota, sendo moitas delas, de balde ou a prezos simbólicos”.