Muxía conmemora o 8M cun programa centrado na concienciación e na expresión emocional

2 minutes read

O Concello de Muxía conmemorará o Día Internacional da Muller do vindeiro 8 de marzo cunha programación centrada en actividades de empoderamento e dinámicas de grupo.

O punto de partida será o propio 8 de marzo cando terá lugar a andaina “Camiño da igualdade” que partirá ás 11:00 horas desde a praza Cabo da Vila e pretende visibilizar o papel relevante das mulleres nas diferentes épocas e contextos profesionais, a través dunha metodoloxía didáctica.

O camiño estará sinalizado con paneis que conviden á reflexión e o debate sobre temas diversos relacionados coa igualdade e a corresponsabilidade. Outorgaranse ferramentas para analizar de forma crítica a nosa contorna e recoñecer actitudes cotiás que supoñen un lastre para a igualdade.

Ao remate da andaina realizarase unha concentración e lectura do manifesto diante da Casa do Concello e aberta a toda a veciñanza.

Para as mulleres organízase Mindlfulness e ioga (2 sesións/2 horas) na que se traballará o Corpo+mente=empoderamento. As participantes poderán mellorar a súa flexibilidade, equilibrio, conciencia, forza e respiración. Tamén, a través de Creando (4 sesións/2 horas cada unha) as mulleres poderán participar en dinámicas de grupo de análise do feminismo utilizando a creatividade coas mans. Conscientes da invisibilidade da violencia machista cara as mulleres maiores, preténdese poñer o foco na prevención así como a detección temperá e a intervención institucional. Este tipo de actividades son excelentes aliadas para acadar este obxectivo dado que se achegan ou participan mulleres con perfís diversos. Pendente de especificar as datas para realizar.

Para a mocidade hai organizados uns obradoiros de comunicación e expresión emocional, con 4 sesións e dúas horas lectivas por sesión.

Nestes talleres a rapazada poderá coñecer máis sobre a comunicación e as emocións. Tamén poderán cuestionar si os nenos e as nenas teñen as mesmas oportunidades e condicións para sentir, manifestar e xestionar os sentimentos e emocións como a inseguridade, a confianza, a humildade, o medo ou a empatía. Traballarán en construír un “Eu sinto”persoal desde as súas experiencias e vivenzas individuais.

Tras a presentación da programación do 8M, a concelleira de Cultura e Xuventude, Olalla Benlloch destacou que “presentamos, un ano máis, un completo programa de actividades que aposta pola igualdade e pola visibilidade a todos os niveis e abarcando todos os rangos de idade”.

“Estamos moi orgullosas deste compendio de actividades, que son unha aposta en firme deste equipo de goberno pola igualdade e pola visibilidade da figura da muller, sen deixar atrás a ninguén e afondando no diálogo e no autocoidado como eixos da igualdade e da visibilidade”, engadiu.