- O proxecto contou cos votos a favor do PSOE e o BNG, a abstención do PP e o voto en contra dos non adscritos
Boas novas para a veciñanza de Muxía. Este mércores aprobouse en pleno o Plan de Obras e Servizos 2022 da Deputación da Coruña valorado en máis de 800.000 euros. O proxecto contou cos votos a favor do PSOE (grupo de goberno) e o BNG, a abstención do PP e o voto en contra de Mónica Vilela por parte do grupo dos non adscritos. O seu compañeiro Manuel Caramés non puido asistir á sesión.
Sen embargo, a aprobación deste proxecto (que xa fora rexeitado semanas atrás) volveu a sucederse entre reproches. Mentres que o alcalde, Iago Toba, non se pronunciou, si o fixeron desde a oposición. A líder do PP, Sandra Vilela, cargou de novo contra o executivo local por non ter dialogado e negociado antes con eles. «Os muxiáns non terían que haber pasado por todo isto se o alcalde estuvera disposto a negociar dende un primeiro momento», afirmou Vilela, que tamén preguntou a Toba o motivo polo que nesta ocasión si que engadiu ao plan as obras dos populares que foran rexeitadas anteriormente como a depuradora de Quintáns e melloras viarias en Sorna, de Armear e Labexo e en Frixe, onde tamén se executarán obras de saneamento. A maiores destas intervencións tamén se suman outras propostas da oposición como o acondicionamento dos viais de Agreiras-Castelos, Caberta e Moraime-Oruxo. «Dende o PP demostramos unha vez máis, que nós non somos o problema e que chegamos a acordos cando se nos senta a falar», afirmou a popular, sinalando a xestión do alcalde como «pésima».
Por outra banda, desde o executivo local móstranse «contentos porque saíu adiante un plan de obras que é vital para o futuro de moitas das intervencións e melloras que necesita a nosa vila, sobre todo no rural». Ademais, Toba destacou que seguirán traballando en positivo para mellorar Muxía «a pesar de todas as trabas e paos nas rodas que temos».
Desglose do POS+2022:
Na proposta destínanse 190.939 euros para construír rúas de formigón en Sorna, 45.000 euros para a mellora da rede viaria e de recollida de pluviais en Figueroa, 48.000 euros destinados á pavimentación e pluviais en Martineto, 107.000 euros para a segunda fase do saneamento e pavimentación en Frixe, 39.000 euros para acondicionar os accesos e pistas en Buiturón así como a mellora da saída de augas do núcleo e 59.000 euros que irán destinados á mellora da rede viaria en Bardullas.
O Plan de Obras complementario incluirá as obras propostas pola oposición no POS alternativo errado e solicitado polo rexedor 13 horas antes de que rematase o prazo de presentación no ente provincial. Neste plan adicional inclúense as anteriormente mencionadas obras de mellora na depuradora de Quintáns, no vial que une Agreiras con Castelos e na estrada a Caberta, entre outros.