- Estes traballadores súmanse a outros 4 que xa foran contratados grazas ao PEL da Deputación para acondicionar, sobre todo, o rural
Ante a necesidade de acondicionar e mellorar as zonas verdes do rural de Muxía, o goberno local convocou unha bolsa de emprego para contar con 8 novos operarios, que se suman aos 4 que xa foran contratados con anterioridade grazas ao Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, que desenvolverán tarefas de limpeza nas aldeas pero tamén no propia vila de Muxía.
Ademais destes novos traballadores, que estarán a xornada completa durante varios meses, o Concello tamén chegou a un acordo con APROL para dispoñer un operario para rozas, principalmente para o máis que coñecido ‘Camiño dos faros’.
Este luns celebrouse o acto de toma de posesión e o rexedor, Iago Toba, quixo transmitir a todos os presentes a «importancia do seu traballo para que toda a veciñanza poda sentirse orgullosa deste servizo municipal». Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Parroquias, Javier Romar, quen estará a cargo deste novo sistema de traballo, destacou «as posibilidades que estas novas contratacións van a poder ofrecer ao municipio, sendo fundamentais para acometer melloras nos distintos núcleos rurais».
A activación desta bolsa de emprego cumpre cunha prioridade e unha aposta en firme do goberno local que, a pesar de levar esta iniciativa a sesións plenarias anteriores, non puido prosperar ao contar cos votos en contra dos membros da oposición.