- Este luns comezou a ‘Week Muxía Cultura Urbana’, unha cita que se estenderá ata o domingo 15 de agosto e que inclúe unha pista de water slide, skatebording e talleres de graffiti
As actividades culturais e deportivas continúan situando a Muxía como un dos concellos de referencia na Costa da Morte en canto á programación de verán para todos os gustos. Esta semana vén cargada de obradoiros, música, teatro e actividades para toda a familia.
Este luns 9 de agosto comezou a ‘Week Muxía Cultura Urbana’, unha iniciativa onde os máis novos poden desfrutar do skateboarding ou do graffiti. Debido ao bo tempo, as actividades desenvolveranse a partir das 17:00 horas no paseo marítimo ata o domingo 15.
O mércores 11 de agosto será a quenda da presentación do libro ‘Galicia é unha festa’ cos autores Xurxo Lobato e Felipe Senén. O evento terá lugar no salón de actos do voluntariado ás 20:30 horas. Un día máis tarde será o turno de Fernando Patricio Cortizo, que presentará a súa obra ‘O mergullador Atlántico’ . Esta cita terá lugar na zona de terrazas do paseo marítimo ás 13:00 horas.
Por outra banda, entre as 16:00 e as 20:00 horas do xoves os muxiáns poderán gozar dunha water slide coa que refrescarse e divertirse con total seguridade. Estará situada no paseo marítimo.
Paralelamente, o Santuario da Barca acollerá a partir das 17:00 horas a performance ‘O encaixe que camiña’ de Teresa Búa, un proceso creativo aberto ao público que culminará cunha actuación final ás 20:30 horas. O resultado estará exposto na Casa das Beiras ata o venres 13 de agosto.
En canto aos tres últimos días da semana, o venres a banda Néboa fará vibrar á veciñanza cun concerto no adro do Santuario da Barca desde as 20:00 horas. Esta cita inclúese dentro do ciclo ‘Portas do Camiño, Portas da Cultura’ da Xunta de Galicia.
A tarde do sábado contará con outro espectáculo da entidade, neste caso no paseo marítimo e con entrada libre. Producións Teatrais Excéntricas chega con ‘Cartoons’, unha sesión de teatro para toda a familia a cargo de Vítor Mosqueira e Josito Porto a partir das 20:00 horas.
A ‘Week Muxía Cultura Urbana’ pecharase o domingo con dous novos obradoiros de skateboarding e graffiti que comezarán ás 17:00 horas. Será o punto e final da segunda semana cultural de agosto en Muxía, que segue a completar actuacións de alto nivel cun gran seguimento por parte de toda a veciñanza.
O alcalde muxián, Iago Toba, destacou «o amplo abano de entretemento do que poderá desfrutar a veciñanza nestes días» conseguindo situar a Muxía como «un municipio referente en programación cultural».