- O evento celebrouse este sábado na explanada do porto, onde tamén se presentou a programación destas datas
O Concello de Muxía prendeu as luces de Nadal de xeito oficial durante a tarde deste sábado cun evento moi completo. A partir das 19:00 horas a explanada do porto acolleu un gran espectáculo de lume, fogos de artificio e unha degustación gratuíta de churros con chocolate que acompañou ao acendido simbólico da árbore da vida.
«Estas son datas de ilusión e de alegría e por iso quixemos regalarlle hoxe a toda a veciñanza este espectáculo de Nadal para dar a benvida a estes días tan especiais e emotivos para todos e todas», destacou o alcalde, Iago Toba.
Ademais, o goberno local presentou a programación de Nadal que contará coa visita de Papá Noel aos colexios, así como a dos Reis Magos, ademais de espectáculos de maxia, teatro ou presentación de libros.
