O Concello de Muxía dá a coñecer a súa programación de Nadal, adaptada ao contexto sanitario pola incidencia da covid-19. As actividades comezaron co acendido da árbore de Nadal. O acto correu a cargo dunha representación do equipo de voluntarios de Protección Civil, con José Manuel Riveiro e membros da Policía Local de Muxía, con Alejandro Muíño, “os verdadeiros heroes” durante o estado de alarma, segundo afirmaba o alcalde, Iago Toba.
Este sábado 12 de decembro terá lugar a exposición telemática “A miña árbore de Nadal”, na cal poderá participar calquera persoa que así o desexe enviando a foto correspondente ao número de Whatsapp 696 57 00 70. O sábado 19 de decembro, retransmitirase, a través do Facebook municipal, a obra teatral infantil “Roedores”. Será ás 18:00 horas.
O domingo 20 de decembro desenvolverase o lanzamento do vídeo inaugural da sala multiusos “A Camposa”. Será ás 20:00 horas. O mércores 23 de decembro, Papá Noel chamará á casa das muxianas e muxiáns. Pódese participar entrando na web www.nadal2020.es do 18 ao 25 de decembro. O 27 de decembro, celebrarase un concurso virtual “Entrada de ano 2021”, mediante o cal todas as persoas que o desexen poderán enviar unha foto con motivos destas festas a través do número de Whatsapp 696 57 00 70.
Para comezar o 2021, o carteiro real visitará a sala “A Camposa”, de 17:30 a 19:00 horas, e cun aforo máximo de 4 nenas/os. Haberá un agasallo para todas e todos eles. Para pechar esta programación, o 5 de decembro celebrarase a Cabalgata de Reis, na que haberá un percorrido polas parroquias do municipio e unha recepción, tamén na sala “A Camposa”. Será necesario inscribirse previamente para os actos que se celebren no interior, tanto no teléfono 981 74 20 01 ou no 696 57 00 70.
Desde o goberno local incídese en que “é unha programación adaptada ao contexto actual, na que primaremos en todo momento a seguridade da cidadanía, e aínda que non poidamos celebrar as actividades ás que estabamos acostumadas e acostmados, haberá alternativas dixitais que de seguro lle encantarán á veciñanza, especialmente aos máis novos”, salientan desde o executivo.
