Muxía dedica a ‘Galería Mulleres’ á escritora Almudena Grandes

Almudena Grandes_Facebook biblioteca municipal Riba-roja de Túria

  • Falecida o pasado mes de novembro, destacou pola defensa dos dereitos e das liberdades das persoas e, sobre todo, das mulleres

A ‘Galería Mulleres’ de Muxía, un espazo no que cada mes se homenaxea a mulleres que causaron un gran impacto social, político e cultural na historia, adica decembro á escritora e historiadora Almudena Grandes Hernández, falecida o 27 de novembro a causa dun cancro.

Grandes (Madrid, 1960) deuse a coñecer en 1989 con Las edades de Lulú, gañadora do XI Premio La Sonrisa Vertical e que posteriormente foi levada ao cine por Bigas Luna, nun film transgresor que marcou un fito. Dende entón colleitou éxitos entre o público lector e a crítica, manténdose en contacto cos seus seguidores tamén dende as columnas de opinión de grandes xornais españois e defendendo sempre os dereitos e liberdades das persoas.

As súas novelas destacan por estar rigorosamente construídas a nivel histórico e cargadas, ao mesmo tempo, de emoción e compromiso. Son obras que relatan os tempos máis escuros dos séculos XX e XXI, dándolle sobre todo voz ás mulleres.

Te llamaré Viernes, Malena es un nombre de tango, Atlas de geografía humana, Los aires difíciles, Castillos de cartón o El corazón helado son algunas das obras que mereceron varios premios, entre eles o da Fundación Lara, o Rapallo Carige ou o Prix Méditerranée. Traballadora incansable, deixou rematada a que será a súa última novela.