- Foi a primeira muller nada en América Latina en mostrar as súas obras no MoMA de Nueva York
O Concello de Muxía dedica a Galería de Mulleres do mes de xullo á pintora brasileira, Tarsila do Amaral. A artista, que viviu en España e en París nos anos vinte, estudou na famosa escola internacional Académie Julian e logo no taller de Émile Renard.
En 1923 crea a súa obra «A negra», unha das súas pinturas máis emblemáticas, atípica durante esta época en Europa, posto que a abstracción e a figuración eran compartimentos estancos e case inimigos. Deste xeito, Tarsila foi unha artista que rompeu fronteiras.
Fundou o Grupo dos Cinco con Anita Malfatti, Oswald de Andrade, Menotti Do Picchia e Mário de Andrade. Foi tamén figura clave dentro do Movemento Antropofáxico que xorde a partir da súa pintura Abaporu.
Tarsila non deixou de pintar e expoñer ata a súa morte. Tal foi a súa importancia que o MoMA inaugurou unha exposición da súa obra en 2018, sendo a primeira muller nada en América Latina en mostrar as súas obras na institución e a 8ª artista latinoamericana (despois de nomes como Diego Rivera ou Roberto Matta).