Muxía destinará 120.000 euros ás melloras na Fonte do Espiño e na pista de “A Raposa”

Cedida

  • Desde o Goberno local confían en que se poidan celebrar os actos relixiosos da Santiña este mesmo ano

Mellorar a calidade de vida no rural é unha das prioridades do Goberno local de Muxía, polo que nesta ocasión investirá máis de 120.000 euros nun plan de obras para acondicionar a Fonte do Espiño en Trasufre e a pista de “A Raposa”. As actuacións para a posta a punto da fonte alcanzarán un orzamento duns 60.000 euros.

«Queremos que esta fonte, tan especial para Muxía, acolla a celebración dos actos relixiosos da Santiña deste mesmo ano e intentaremos presentar o proxecto a toda a veciñanza de xeito presencial», destacan desde o equipo de goberno.

Paralelamente a esta mellora, investirase outra partida de 60.000 euros nunha serie de traballos de acondicionamento que consistirán en cubrir con formigón varios tramos da pista coñecida como “A Raposa”, «moi deteriorada polo paso do tempo, os vehículos pesados e as inclemencias meteorolóxicas».