O equipo de goberno local anunciou que o Concello de Muxía presenta, a día de hoxe, un remanente de tesourería próximo aos 2.300.000 euros co cal poderá destinar unha contía do mesmo para materializar o ambicioso plan de limpeza e mantemento no que se está a traballar.
“A xestión económica levada a cabo polo concello ten o seu foco sempre en poder mellorar o día a día da nosa veciñanza. Non se trata de presumir de cifras, senón de traballar con contención para poder darlle respostas ás necesidades das nosas veciñas e veciños”, destacou o alcalde, Iago Toba.
Deste xeito, o goberno local avanza que parte do importe derivado deste remanente se destinará á posta en marcha dun ambicioso proxecto de mantemento e limpeza que será anunciado ao longo das vindeiras datas.
“O remanente deste ano ratifica o coidado co que este equipo de goberno traballa coa economía municipal. O ano pasado, o remanente permitiunos levar a cabo intervencións tan importantes como a segunda fase da auga de Suxo, o plan de arranxo de rexillas e pluviais no núcleo urbano, a adquisición dunha bomba de captación de auga na ETAP dos Muíños ou a posta en marcha do plan de emprego centrado na limpeza do rural, e este ano poderemos implantar con parte do importe un plan de limpeza e mantemento no que levamos moito tempo traballando e que repercutirá directamente nunhas mellores condicións para a veciñanza”, defendeu o rexedor.