A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de asinar o contrato para a execución das obras de mellora de defensas e escalas nos portos de Muxía e Camariñas. A instalación contará cun prazo de execución de cinco meses desde a sinatura da acta de conformidade para o inicio de obra, que redundará na mellora das condicións de traballo do sector profesional dos citados portos e veñen motivadas pola necesidade de substituír as defensas actuais, de tipo vertical, dos peiraos pesqueiros destas dársenas. Estes elementos atopábanse deteriorados pola acción do mar e o seu uso.
No porto de Muxía faise necesaria a ordenación da atracada para un mellor aproveitamento do espazo dispoñible. Esta optimizarase mediante a instalación de novas defensas de tipo vertical e escalas en substitución das existentes. Instalaranse 15 unidades no peirao da lonxa e 10 na atracada da fábrica de xeo. Mentres, as escalas de madeira substituiranse por catro escalas de gato de aceiro inoxidable.
No que respecta ao peirao de Camariñas, mellóranse as condicións de atracada tanto para as embarcacións institucionais como para as pesqueiras. En total instalaranse catro unidades de defensas verticais na zona de atracada da embarcación de Salvamento Marítimo e oito na de atracada da frota de baixura. En substitución das escalas de madeira instalaranse tres escalas ancoradas.