Muxía e Dumbría contarán cun novo pediatra grazas á Lei de Prazas de Difícil Cobertura


A candidata do Partido Popular á alcaldía do concello de Muxía, Sandra Vilela, mantivo unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que se interesou polo reforzo do persoal sanitario no centro de saúde do seu concello.

Nesta conversa, o conselleiro avanzoulle que o goberno galego incluirá unha praza de pediatría, actualmente vacante, e que dará servizo aos centros de saúde de Muxía e Dumbría na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.

Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo Presidente Rueda, realizarase a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro no Parlamento co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición e que se resolve nuns meses.

A candidata agradeceu a información achegada polo conselleiro e lamentou a postura de PSdeG e BNG lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir esta praza. No mesmo sentido, criticou ao alcalde por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres o seu partido vota en contra das solucións.

Unha postura partidista que só se explica desde o intento de sacar rédito electoral dos problemas de déficit de médicos de familia e pediatras que existen en toda España, ata o punto de intentar boicotear medidas innovadoras da Xunta como este concurso. “En Muxía teremos novo pediatra co voto en contra do partido do alcalde”, concluíu.