Muxía e Holanda unen vínculos para potenciar o turismo e a comercialización de produtos

Concello de Muxía

  • O embaixador do país neerlandés, Jan Versteeg, desprazouse este luns ata Muxía para reunirse co alcalde da localidade

O embaixador dos Países Baixos en España, Jan Versteeg, visitou este luns Muxía para falar sobre a comercialización de produtos e a potenciación do turismo entre o país neerlandés e a vila da Barca. A xornada comezou cunha recepción oficial na casa consistorial por parte do rexedor muxián, Iago Toba. Alí tivo lugar o intercambio de obxectos tradicionais no que Versteeg fixo entrega dunha peza de porcelana típica de Holanda mentres que Toba lle ofreceu unha réplica do Santuario da Barca.

Tras o acto inicial a expedición visitou o monumento da Ferida e o Santuario e as pedras da Barca. Ademais, durante a visita trataron temas de economía, sociedade, cultura, turismo e fixaron unha folla de ruta fixar relacións turísticas e comerciais a longo prazo entre o país neerlandés e o municipio galego.

Toba e Versteeg tamén tiveron tempo para conversar sobre a poboación de persoas holandesas afincadas en Muxía que, tras facer o Camiño de Santiago, decidiron quedar a vivir na vila.

O rexedor muxián dixo sentirse orgulloso de que «un país referente en Europa como é Holanda poña o foco de atención en Muxía para potenciar o turismo e a comercialización de produtos entre rexións». Na mesma liña, Versteeg destacou o «agradecemento pola gran acollida recibida en Muxía» e celebrou o lazo de unión entre territorios.