Muxía e o porto de Cereixo únense a través do sendeirismo e a fotografía

Percorrido Translatio_Concello de Vimianzo

  • Estas actividades desenvolveranse de xeito simultáneo durante este sábado 18

Os amantes do sendeirismo e da fotografía teñen este sábado, 18 de setembro, unha dobre cita en Vimianzo. No marco do proxecto “Translatio e Camiños de Santiago nas Terras dos Condes de Altamira” realizarase unha andaina e un obradoiro fotográfico.

Estas actividades desenvolveranse de xeito simultáneo con saída dende o Santuario da Virxe da Barca de Muxía ata o porto de Cereixo, na localidade vimiancesa. As persoas que participen contarán coa compañía dun guía especialista co que coñecer máis a fondo estes lugares. Por outra banda, os interesados no obradoiro fotográfico estarán baixo o mando do fotoxornalista Manuel Blanco, especialista en reportaxes de viaxes. Esta actividade é gratuíta e será necesario inscribirse na web do Concello de Vimianzo.

Esta xornada cultural enmárcase dentro das actividades municipais relacionadas co programa ‘O teu Xacobeo’ promovido pola Xunta de Galicia. Ademais desta excursión, durante o mes de setembro continuarán desenvolvéndose máis actividades como o Foro Europeo Translatio e Camiños de Santiago nas terras dos Condes de Altamira (24 de setembro) ou a representación teatral A barca prodixiosa de Cereixo, dos Quinquilláns. A entrada para esta actividade, que se leva desenvolvendo todos os venres ás 17:00 horas ata o próximo día 24, é de balde.