A Fundación Rosalía de Castro, grazas ao financiamento do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, organiza o vindeiro sábado 31 de outubro unha xornada en Muxía titulada “Rosalía na Costa da Morte”, dentro da estratexia desta entidade de levar á autora aos lugares xeográficos e simbólicos que foron importantes na súa vida e na súa obra. As actividades terán lugar no Parador de Muxía e nas rúas da propia vila.
O acto dará comezo ás 11:00 horas cunha actividade literaria versada na relación entre a autora e esta vila da Costa da Morte.
A continuación, ás 12:00 horas, Manuel Villar, director do Museo do Pobo, interpelará o faladoiro ‘As viaxes de Rosalía á Costa da Morte’. Posteriormente, ás 13:00 horas, haberá unha visita guiada para nenas e nenos polos lugares rosalianos de Muxía, a cargo de Viki Ribadulla. A saída será diante do bar A Marina.
Ás 16:30 horas está previsto un roteiro literario-musical por Muxía con Xurxo Souto, tamén con punto de saída no bar A Marina. Ás 18:00 horas terá lugar un recital poético con poetas da comarca, como Rosalía F. Rial, Modesto Fraga, Estevo Creus, Miro Villar, Alexandre Nerium, Concha Blanco, María Canosa e Rafael Lema.
O punto musical, que servirá como peche a esta xornada adicada a Rosalía, correrá a cargo da cantante Belém Tajes, cun concerto que dará comezo ás 19:30 horas.
As actividades contarán con estritas medidas de seguridade hixiénico-sanitarias, respectando en todo momento os parámetros de aforo requeridos pola Consellería de Sanidade.
