Muxía executa un investimento récord de máis de 1.200.000 euros no mes de outubro

3 minutes read

Será nun total de dez intervencións, que combinan núcleos rurais e núcleo muxián, e que están contemplados neste ambicioso conxunto de actuacións froito do compromiso do Goberno local coa mellora de infraestruturas.

O executivo conforma este extenso proxecto tras moitas reunións con outras administracións como a Deputación da Coruña e departamentos sectoriais da Xunta de Galicia.

Completa tipoloxía de obras

Ademais, este compendio de actuacións están conformadas por unha combinación en tipoloxía de obra que dan mostra do compromiso deste conxunto de intervencións con diferentes ámbitos: desde a rede de saneamento ata vías e estradas ou cubertas de edificios públicos.

O grupo de Goberno , ante a cantidade de traballo simultáneo, seguirá reuníndose para analizar e facer un seguimento exhaustivo a estes novos proxectos que dan continuidade “á nosa forma de traballar, con feitos e realidades que melloran a vida de nosa veciñanza”, sinalou o alcalde Iago Toba.

Distribución de todas as actuacións

  • Rotonda Lourido/Muxía/Vilariño e estrada a Muxía, investimento de 425.082,35 euros
  • 1ª e 2ª fase de camiños e saneamento en Frixe 200.000 euros aprox
  • Camiños intermedios Sorna 190.000 euros aprox
  • Cuberta do edificio da Camposa 57.524.30 euros
  • Depuradora de Trasufre 60.000 euros
  • Estrada Leis-Vimianzo (Lago-Leis) 200.000 euros aprox
  • Pista formigón en Bardullas 54.000 euros aprox
  • Mellora da accesibilidade das beirarrúas do porto 35.000 euros
  • Sinalización horizontal no núcleo de Muxía 26.900 euros
  • Topo en Morpeguite para obra abastecemento de auga 13.300 euros

Tras o anuncio, o rexedor tamén quixo destacar que “este equipo de Goberno continúa coas ilusións intactas e con moitas ganas de seguir traballando por mellorar cada día Muxía. Ademais, antes de que finalice o ano estará en proceso de licitación múltiples obras que consolidarán este 2023 cunha cantidade histórica de investimento”, destacou Toba.

O PP presentará unha moción na que solicitará a inclusión de tres proxectos no Plan de Obras e Servizos da Deputación para o ano 2024

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Muxía anunciou a través da súa voceira, Sandra Vilela, que levará o próximo pleno local unha moción na que solicitará a inclusión de tres proxectos no Plan de Obras e Servizos (POS) que a Deputación da Coruña pon ao servizo dos municipios todos os anos.

En concreto, os populares reclamarán que, a través do POS e do POS adicional do 2024, o Concello de Muxía financia a reparación dos camiños interiores de Merexo, a creación dunha senda peonil ao longo dos lugares de Castro e Loalo e a reforma integral do campo de fútbol para, dixo Vilela, dotalo de novos servizos e de melloras para os asistentes.

“Estamos a falar de tres proxectos moi importantes e de tres actuacións necesarias e demandas dende fai tempo polos veciños”, indicou a voceira popular, quen avanzou que a súa formación manterá nas próximas semanas reunións cos veciños das zonas directamente afectadas por estas actuacións para trasladar a súa proposta.

Nesta mesma liña, Vilela aproveitou para lembrar que é “necesario” que o actual Goberno Local, que se encontra en minoría, fale co resto de forzas políticas para “negociar” as actuacións que se incluirán no POS 2024. “Cun goberno en minoría, estamos na obrigación de pactar para non poñer, como sucedeu o ano pasado, en risco uns fondos que son fundamentais para o futuro de Muxía”, dixo Vilela.

Por este motivo, desde o Partido Popular de Muxía apuntan que levarán esta proposta ao pleno de novembro para que, desta maneira, dixo Vilela, o Goberno Local teña tempo suficiente para a elaboración dos proxectos. “Non queremos atoparnos despois con escusas de que non dá tempo, de que non se poden incluír estas propostas”, concluíu.