Muxia | Iago Toba: “Seremos, unha vez máis, a voz da veciñanza no pleno”

2 minutes read
Arquivo_Pleno Muxía xullo 2020_Cedida

O goberno local do Concello de Muxía presenta este luns 6 de setembro, unha serie de propostas de calado no pleno, encadradas na modificación de crédito.

O rexedor subliña que “seremos, unha vez máis, a voz da veciñanza no pleno”, á par que indicou que “todas as propostas” foron presentadas en xuntanzas previas a “todos os membros da posición que amosaron vontade para tratar as mesmas”.

Así, entre as iniciativas impulsadas polo executivo encóntrase a construción dos vestiarios femininos e a mellora do campo de fútbol; a adquisición de novos materiais de obra para executar futuros proxectos, reparación de máquinas e vehículos municipais; un estudo técnico para a redacción de diferentes proxectos municipais; un aumento na partida económica de subministración de auga para reforzar o servizo; subvencións de concorrencia competitiva para asociacións, ANPA’s, comisións de festas, xunta local do AECC e resto de entidades con estas características; aumentar a partida para o combustible que se emprega nas máquinas municipais; e a xa mencionada nova escola infantil, que contará cun aspecto renovado nun espazo municipal para edificala.

Novo equipo de limpeza no rural

Dentro das proposicións que elevará a pleno o executivo local, cabe destacar a adquisición de novas máquinas para levar a cabo tarefas de limpeza e adecentamento no rural, traballos nas cunetas e melloras nas pistas e nas vías, como desbrozadoras e unha nova pala escavadora. A idea do goberno local é “crear un novo equipo municipal que teña como principal tarefa manter o noso rural ao nivel que se merece”. O alcalde de Muxía, Iago Toba, sinala que “esta batería de propostas recollen necesidades reais da nosa veciñanza, e quixemos que se vise reflictida no que presentaremos no vindeiro pleno”, e agarda que “os grupos da oposición pensen ben na necesidade das propostas e pensen nos veciños por enriba de siglas e intereses estratéxicos xa que con estas iniciativas é toda a cidadanía de Muxía a que gaña”.