Muxía | Inaugurado, de xeito virtual, o novo Edificio Multiusos da Camposa


  • O novo nome fai referencia á antiga praza da Camposa

O Concello de Muxía inaugurou este domingo o novo Multiusos da Camposa, un edificio que leva anos en pé pero ao que lle “faltaba vida”, destacou o alcalde, Iago Toba. Debido á situación sanitaria, desde o goberno local avogouse por unha presentación virtual a través das redes sociais municipais.

“Queremos que desfrutedes deste lugar, de cada rincón, porque en todas partes vai haber algo para facer”, destaca no vídeo o rexedor, quen ademais remarca que o novo nome do edificio “rememora a antiga praza da Camposa, esa que tiña tanta vida”.

O interior do local sufriu unha renovación total, onde os elementos culturais son os protagonistas, con fotografías e un novo equipo de audio multimedia para proxectar pezas audiovisuais acordes ás exposicións que se celebren no lugar. Tamén se adicará un primeiro espazo ao novo museo ‘Voluntarios do Prestige’, así como a propia Sala da Camposa, remodelada por completo.

Outro dos detalles a destacar son as palabras que poden lerse nas columnas, como historia, arte e tradición: os piares sobre os que se fundamenta a nova construción.