Muxía | Indignación entre os veciños de Figueroa e Martineto por ser excluídos do novo POS

2 minutes read
  • Na proposta do goberno local aparecían varias intervencións nestes núcleos, pero a oposición retirounas no novo proxecto

Veciños dos lugares de Figueroa e Martineto, no concello de Muxía, emitiron un comunicado aos medios de comunicación para mostrar a súa indignación polo «esquecemento» das deficiencias viarias que presentan nos núcleos e cuxo arranxo ía incluído no Plan de Obras e Servizos da Deputación para este ano. Unha proposta realizada polo goberno socialista pero que finalmente foi tumbada o pasado mércores polos edís do PP e do grupo dos non adscritos.

«Sentímonos máis que indignados co Partido Popular de Muxía e todos aqueles que votaron en contra de dito Plan Único e que, aínda por riba, propuxeron un novo plan de obras que deixa fóra aos nosos pequenos núcleos rurais». Cabe destacar que este novo proxecto foi solicitado polo alcalde, Iago Toba, á oposición trece horas antes de que finalizase o prazo para presentar a documentación ante o ente provincial. A líder dos populares, Sandra Vilela, denunciaba hai uns días que era «unha auténtica vergoña e unha estafa aos veciños que o rexedor nos pida preparar un documento de tal importancia en só 13 horas cando o Goberno Local non foi capaz de facelo en oito meses».

O novo POS da oposición, que desde o goberno local sinalaron que se aprobaría sen problemas para evitar á veciñanza a perda duns 800.000 euros en axudas, céntrase na segunda fase de saneamento e camiños interiores de Frixe e Sorna, a depuradora de Quintáns e o acondicionamento de varios viais entre Armear-Labexo e Agreiras-Castelos. Tamén destinaban fondos para melloras en estradas de Caberta así como a vía que une Cartel con Prado e tamén Moraime e Oruxo.

Unha relación de obras onde non saen as demandas solicitadas polos veciños de Figueroa e Martineto. «Esta era a primeira vez en moitos anos que un alcalde miraba por nós e que quería poñer solución aos problemas que aquí acontecen, pero unha actitude irresponsable da oposición bloquea unhas obras que para nós son moi importantes e necesarias», sinalan.

Así como agradecen o interese do rexedor nas súas demandas, valoran negativamente a actitude dos populares tras poñerse en contacto con eles para explicar o sucedido no pleno. «Tras querer explicarnos por qué as nosas obras quedaban fóra do POS, pretenderon convencernos de que ían intentar que se fixeran cos orzamentos municipais», explican, cando a propia representante do Partido Popular estivo «aquí facendo fotos e manifestou a necesidade innegable de incluír estas obras no Plan Único».

Os afectados sinalan que se opuxeron ás explicacións de Vilela e que cando lle preguntaron polo motivo de destinar 300.000 euros para unha estrada pequena (en referencia ao vial entre Moraime e Oruxo), a resposta foi «contundente e indignante: «A vós non vos importa en que se gastan os cartos”».