O Concello de Muxía continúa co seu plan de mellora do rural, que deu comezo na pasada lexislatura, e que agora investirá máis de 200.000 euros en Frixe para realizar traballos de mellora dos camiños interiores, canalización das augas pluviais, lastrado de pedra e instalacións varias.
A intervención está dividida en tres fases debido á dimensión da obra e nesta actuación están recollidas as dúas primeiras fases; a primeira de máis de 93.000 euros e a segunda de máis de 107.000 euros.
“Será a primeira vez que se realice un investimento tan importante neste Frixe. Tal é así, que a proposta do grupo de Goberno e realizar unha mellora integral do núcleo que ten que ir en fases pola dimensión da obra, e neste caso van incluídas dúas das tres fases simultáneas”, destacou o alcalde, Iago Toba.
Coa finalización da intervención o proxecto tamén recolle a mellora estética dos espazos existentes, limpezas xerais e reposición dos colectores de lixo en mal estado, entre outras.
“Esta é unha nova demostración de que a aposta deste equipo de Goberno polo rural é evidente. Queremos, nesta lexislatura, non só facer obras senón tamén mellorar contornas e espazos da nosa vila con traballos de adecuación e acondicionamento”, concluíu Toba.