Muxía licitará obras en setembro por máis de 1.770.000 euros

Cedida.

O goberno local de Muxía está ultimando detalles para pechar este setembro como un mes histórico no que sairán a licitación obras por valor de máis de 1.770.000 euros.

Ao plan “Mais Rural”, do que xa se completou a segunda fase de obras tras sacar a semana pasada mais de 240.000 euros, súmase investimentos do POS tales como intervencións en Bardullas ou Buiturón. Deste xeito, Muxía consolídase como un dos concellos da contorna con mais licitacións en marcha e con récord de investimento.

Neste ambicioso plan de obras, que suma a cantidade récord de 1.770.009€, recóllense preto de 30 intervencións tanto no núcleo da vila como no rural, algunha delas de gran envergadura e importancia.

“Esta cifra de investimento non se manexaba desde fai bastantes anos neste concello e, gracias a isto, Muxía será o municipio que máis obras porá en marcha no actual e vindeiro mes”, destacou o alcalde Iago Toba.

Ademais, neste lote están incluídas unha serie de intervencións en pequenos núcleos rurais, caso de Martineto ou Figueroa. O concelleiro de obras, Javier Romar, tamén puxo en valor que “a través deste ambicioso plan de obras poñeremos solución ás demandas históricas dos veciños e veciñas e cumpriremos coa promesa feita por este equipo de goberno”, concluíu.