Muxía aproba definitivamente os orzamentos con 50.000 euros menos

Arquivo_Pleno Muxía xullo 2020_Cedida

  • O alcalde insistiu na necesidade de ‘comezar canto antes a traballar pola veciñanza, nunha nova etapa para o Concello de Muxía

O Concello de Muxía deu luz verde aos orzamentos con 50.000 euros menos debido ás alegacións presentadas polo Partido Popular, que ademais foran apoiadas polo grupo non adscrito.

O alcalde, Iago Toba, insistiu na necesidade de ‘comezar canto antes a traballar pola veciñanza, nunha nova etapa para o Concello de Muxía’. Á sesión, que se celebrou este venres ás 12:00 horas no salón de plenos, tan só acudiu Mónica Vilela dos concelleiros non adscritos.

Os populares decidiron restar do orzamento partidas adicadas a unha bolsa de emprego, á adicación de Mónica Vilela, á Asociación de Camiños Muxía-Fisterra, á publicidade para festas e para órganos de goberno e tamén partidas adicadas ao mantemento e brigadas.

“Quen saiba un pouco de orzamentos sabe que os cartos destas partidas pódense destinar a outras, e grazas a este movemento orquestado polo Partido Popular e os ex-socialistas o único que conseguiu foi restarlle 50.000 euros á veciñanza’, subliñou o rexedor.

Novas áreas de goberno Conforme á renuncia das actas do Partido Socialista por parte de catro concelleiros, o rexedor asumirá as carteiras de Servizos Sociais, Emprego, Turismo e Medio Ambiente; Olalla Benlloch asumirá as áreas de Educación, Cultura, Igualdade e Xuventude e Javier Romar estará á cabeza de Obras, Parroquias e Medio Rural.