Muxía logra salvar o POS


Muxía terá Plan Único. Os grupos de PSOE, PP e BNG chegaron a un acordo para aprobar o POS no pleno extraordinario que terá lugar o vindeiro luns, 10 de maio.

Este consenso chegou tras a comisión de contas deste xoves, convocada polo grupo de goberno, na que estaban presentes os grupos políticos municipais (PP, BNG e non adscritos) e o alcalde, Iago Toba.

Tras a reunión, o rexedor valorou o sucedido “como un feito moi positivo para que Muxía non perda nin un só euro dun recurso económico que consideramos vital para a mellora do noso pobo”.

Na mesma liña, amosaron a súa “satisfacción por chegar a un acordo e por rebaixar a tensión”,  tanto Carlos Fernández, voceiro do BNG, como Sandra Vilela, voceira do PP.

Os grupos municipais de PP e BNG permitirán sacar o Plan Único adiante, no que non se incluirá ningún cambio e seguirá cos proxectos actuais. Así mesmo, o executivo local comprométese a consensuar os vindeiros plans de obras e servizos provinciais co resto de grupos municipais.

Por outra banda, os representantes non adscritos non manifestaron a súa postura na comisión de contas e deixaron no aire o signo do seu voto. 

Toba tamén agradeceu “o esforzo da Deputación da Coruña e do seu presidente para conceder esta prórroga e evitar que Muxía perda máis de medio millón de euros”, tras reunirse co ente provincial en varias ocasións durante a última semana.