Muxía | O goberno local presentará en pleno o proxecto de mellora da estrada Lago-Leis

1 minutes read
  • A actuación, cuxa inversión supera os 329.000 euros, conta coa colaboración da Deputación da Coruña e será a obra de maior importe realizada no municipio.

O equipo de goberno de Muxía levará ao próximo pleno, para a súa aprobación, o plan de execución da mellora da estrada Lago-Leis. As obras, valoradas en máis de 329.000€, contan co apoio da Deputación e desde o executivo agardan que estean rematadas antes de finalizar o presente ano ao tratarse dunha «demanda histórica e de vital necesidade polo estado da rede viaria».

Deste xeito, o alcalde de Muxía, Iago Toba, incluirá no seguinte pleno dous puntos referentes á obra. Por un lado, proporá o aporte municipal correspondente á subvención nominativa de 200.000€ concedida pola Deputación e que financiará o tramo desde o núcleo de Leis (incluído o paso polo propio lugar) ata o límite con Vimianzo. Por outra banda, presentará a financiación para o arranxo do tramo que está en peor estado, de Lago ata Leis, e que se levaría a cabo con fondos propios ao tratarse dunha obra de gran calado. Esta será a intervención de maior importe feita ata o de agora no municipio e desenvolveríase en dúas fases simultaneamente para axilizar tempos.

A obra consiste na construción do vial en aglomerado, con sinalética horizontal e vertical, así como a canalización de parte das cunetas en zonas sensibles.

Tras o anuncio, o concelleiro de Obras, Javier Romar, destacou “a importancia da colaboración e da boa sintonía entre Concello de Muxía e Deputación da Coruña para levar a cabo esta obra tan importante para a nosa veciñanza e para o turismo». Tamén agradeceu ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a súa «total predisposición para que estrada sexa pronto unha realidade”.