Muxía pon en valor o seu rural coa creación dun equipo de traballo

1 minutes read
  • Unha proposta que «atende a unha serie de necesidades moi recorrentes que non estaban cubertas», destaca o concelleiro de Medio Rural, Javier Romar

O Concello de Muxía creou un equipo de traballo para poñer en valor o seu rural e «atender a unha serie de necesidades moi recorrentes que non estaban cubertas, como a intervención continuada e diaria nas cunetas”, destaca o concelleiro de Parroquias e Medio Rural, Javier Romar.

Este equipo de traballadores, composto por nove persoas, realizarán intervencións durante toda a xornada para «optimizar os recursos e cubrir moito máis espazo”, apunta Romar. O obxectivo destas accións será acondicionar e solventar problemas relativos á broza. Así, na xornada do luns xa se realizaron tarefas de limpeza no casco urbano de Muxía e nas aldeas cun amplo despregamento en Touriñán e Campos.

O edil tamén destacou a creación dun equipo interno, formado por tres persoas, que será o encargado de realizar as intervencións nas cunetas.