- O alcalde, Iago Toba, fixo entrega do maillot acibeche ao representante da asociación, Santiago Pérez Haz
Este verán, a Asociación de Percebeiros da Barca comezará a desenvolver unha acción para poñer en valor toda a riqueza natural, pesqueira, turística e ambiental da costa muxiana. Isto é posible grazas ao apoio do Concello, do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte, da Consellería de Pesca e da Unión Europea.
O alcalde da localidade, Iago Toba, fixo entrega este venres dun maillot simbólico ao representante da asociación, Santiago Pérez Haz, que despois de recibir o obsequio asegurou que moi pronto poderemos coñecer as bondades e vantaxes do «ouro do atlántico».
O rexedor destacou «a importancia para o pobo de Muxía que a Asociación de Percebeiros da Barca leve o nome da nosa vila por todo o mundo e faga que nos sintamos, se cabe, aínda máis orgullosos do noso patrimonio e riqueza natural».
Toba tamén quixo aproveitar as vésperas da celebración da proba do Gran Fondo do Ézaro 2021, que pasará este domingo pola vila da Barca, para anunciar o lanzamento dunha gran iniciativa que se descubrirá nas vindeiras datas.