Muxía prepárase para unha Romería da Barca de ‘transición’

Cedida

  • Celebrarase do 10 ao 13 de setembro

Poucas romerías son tan agardadas na Costa da Morte como a da Virxe da Barca de Muxía, declarada de Interese Turístico Nacional, que este ano se celebrará do 10 ao 13 de setembro como unha «transición cara á nova normalidade da vindeira edición do 2022», sinalaron na xuntanza mantida entre o alcalde, Iago Toba, e os integrantes da comisión de festas. Unha xuntanza entre outras tantas necesarias para planificar da mellor forma a última gran festa do verán que, outro ano máis, será diferente.

A música encherá as rúas da vila grazas ás actuacións dos grupos locais Xaramiños do Corpiño e Abaladeiras, e non faltarán os máis que recoñecidos Kilomberos de Monte Alto e a Charanga NBA entre outros. Todos os actos serán diurnos ata as 20:30 horas, sendo a excepción a sesión de fogos de artificio do sábado, programada para as 23:00 horas. Con estas ‘restricións’ horarias búscase controlar que se cumpran as normas sanitarias e, por suposto, «evitar a formación de festas paralelas ilegais», destacan desde a Asociación Cultural Romaría da Virxe da Barca Muxía. Para isto contarán cun reforzo especial da Policía Local e Garda Civil.

No relativo aos actos relixiosos, haberá novena do 2 ao 10 de setembro, ambos incluídos. As misas realizaranse todos os días ás 09:00 e ás 19:00 horas, respetando de novo as medidas de hixiene.

Tanto a Comisión da Barca como o goberno local agardan «un comportamento exemplar» tanto por parte dos veciños como de visitantes.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha