Muxía presentou a súa programación de actividades deportivas para este verán

O Concelleiro de Deportes, Xuventude e Asociacionismo do Concello de Muxía, Felipe Vilela, presentou a programación de ‘Muxiup!’, o calendario de actividades que organizan desde o Concello para o desfrute de toda a veciñanza durante este verán.

“Desde o Concello de Muxía apostamos decididamente pola práctica deportiva e o fomento de hábitos saudables entre toda a poboación, por iso creamos este programa, no que se dá cabida a unha gran diversidade de deportes e no que calquera pode participar” declarou Vilela.

O programa abríase este pasado luns cos Campus de fútbol sala, que se celebran ata o 28 de xullo no pavillón polideportivo municipal, en horario de 10 a 13 horas e vai dirixido a nenos de entre 5 e 12 anos.

Os días 4 e 6 de xullo realizáronse dúas excursións ao Aquapark de Cerceda. Na primeira quenda foron os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, e na segunda viaxe participaron os mozos e mozas de entre 13 e 18 anos.

Os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto celebrarase unha excursión á Estación de Montaña de Manzaneda, en Ourense. As inscricións serán de 15 euros por persoa. En caso de máis membros da unidade familiar sumaranse 6 euros por cada nova inscrición.

Os días 3 e 4 de agosto organízase unha viaxe ao Galipark de Padrón para os nenos e nenas de 8 a 12 anos. As inscricións serán de 10 euros por persoa. En caso de máis membros da unidade familiar sumaranse 3 euros por cada nova inscrición.

As viaxes a Manzaneda e ao Galipark precisan formalizar a inscrición no ximnasio municipal antes do 27 de xullo, posto que hai prazas limitadas. Do 7 ao 18 de agosto terá lugar o tradicional Campamento multideporte no pavillón polideportivo municipal, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Será de 10 a 13 horas, de luns a venres, e as inscricións serán de 15 euros por persoa. En caso de máis membros da unidade familiar sumaranse 6 euros por cada nova inscrición. As inscricións formalizaranse no ximnasio antes do 27 de xullo.

Por último desde o 21 ao 24 de agosto, terá lugar o curso de surf na praia de Nemiña. Vai dirixido á rapazada a partir dos 8 anos que xa saiban nadar. As inscricións serán de 10 euros. En caso de máis membros da unidade familiar sumaranse 3 euros por cada nova inscrición.

O mes de xullo tamén se poderá gozar do Gran Fondo Ézaro e do Ciclo Correndo Pola Costa da Morte

O vindeiro domingo, 9 de xullo, celebrarase a gran proba ciclista do Gran Fondo Ézaro, que percorre diversas localidades da comarca e reúne a grandes ciclistas do pelotón internacional.

O sábado, 15 de xullo, Muxía acolle unha das probas do circuíto Correndo pola Costa da Morte, que conta con diversas categorías inferiores e unha absoluta de 3 quilómetros de lonxitude.

As inscricións para participar están abertas ata o vindeiro martes, 11 de xullo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha