O Concello de Muxía presenta unha nova edición do tradicional Magosto das Abaladeiras, que cada ano realiza xunto coa asociación Abaladeiras de Muxía. A cita será o vindeiro sábado, 11 de novembro, no Porto de Muxía.
Segundo indica o alcalde, Iago Toba, “xa é toda unha tradición desfrutar do chocolate preparado polas Abaladeiras, así como das castañas que achega o Concello de balde para todas as persoas asistentes á festa”.
Para o rexedor é moi importante “darlle a importancia que ten o magosto na cultura galega, onde se mestura a tradición do folclore cos produtos da nosa terra”.
As actividades inícianse ás 16:30 horas con obradoiros para a rapazada, para darlle continuidade á tarde coa música da foliada tradicional, a partir das 18 horas.
Este ano participan un total de 17 grupos: Pedras Miudas de Lires, Os Sentenarios de Muros, Ferreñas Temperadas de AC Nemeth de Carballo, Andainas das Amas de casa de Laxe, Os Sib do Solpor, Trubisquiñas de Vimianzo, Pandereteiras de Arume de Caión, Peta Forte de Lires, Vaiche Boa de Camariñas, Mar Devalado de Camelle, Queiroga de Paiosaco, Pandereteiras de Agrocovo, Xaramiños do Corpiño de Muxía, A.C. Adro de Baio, Xarcandaina de A Coruña e Abaladeiras de Muxía.
Durante a xornada haberá chocolate preparado pola asociación Abaladeiras e castañas de balde para todas as persoas asistentes.
Desde o Concello de Muxía animan a todo o mundo, veciñanza e visitantes, a desfrutar desta fantástica xornada chea de música, tradición, gastronomía e folclore.