Muxía presenta un programa de actividades de conciliación para a Semana Santa

  • Dirixido á rapazada do municipio de 3 a 12 anos, desenvolverase en dúas quendas: os días 11 e 12 de abril e do 13 ao 18 en horario de mañá

Coa chegada inminente da Semana Santa e as vacacións escolares, son varios os concellos que organizan campamentos e diferentes actividades para promover a conciliación familiar. Un deles é o de Muxía, que este mércores presentou un programa dirixido á rapazada de 3 a 12 anos empadroada no municipio.

Haberá dúas quendas: o primeiro grupo (rapazada de 4º de Ed. Infantil a 2º de Ed. Primaria) irá os días 11 e 12 de abril e o segundo grupo (rapazada 3º Ed. Primaria a 6º de Ed. Primaria) participará do 13 ao 18. En ambos casos o horario será de 09:30 a 13:30 horas.

Desde o Concello sinalan que as actividades están pensadas para o desenvolvemento persoal e social dos nenos e nenas, contribuíndo á súa educación en valores e actitudes de respecto, cooperación, igualdade e tolerancia a través de talleres e xogos compartidos.

As persoas interesadas poderán realizar a súa inscrición ata o 6 de abril no Centro de Información á Muller, tanto de xeito presencial (rúa Real,35- Baixo) como telefónico (981708595). Terán preferencia os nenos cuxos proxenitores estean empregados e as familias monoparentais.

No caso de superar as solicitudes de prazas, realizarase un sorteo público o día 7 de abril, ás 10.30 horas, no salón de plenos municipal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha