Muxía presentará este xoves o Plan de Igualdade Municipal contra a violencia de xénero

Olalla Benlloch.

O Concello de Muxía presentará o novo Plan de Igualdade Municipal o vindeiro xoves, 24 de xuño, ás 12:00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.

Este documento, elaborado de xeito participativo, contou coa colaboración de diversas persoas e entidades do Concello.

A finalidade deste Plan é definir as liñas de acción que se deben impulsar en Muxía nos vindeiros 4 anos de cara á loita contra a violencia de xénero, apostando pola igualdade entre mulleres e homes como principal ferramenta.

A principal novidade deste programa radica no seu compoñente práctico e flexible, adaptado e adaptable a diferentes circunstancias, contornas e necesidades que poidan xurdir. Neste sentido, é un Plan aberto ás achegas da cidadanía.

Olalla Benlloch, concelleira de igualdade, destacou “o gran traballo levado a cabo para definir este plan, xa que é clave para marcar a folla de ruta dos vindeiros 4 anos de cara a loita contra a lacra da violencia de xénero”