Muxía presentou ‘Móvete!’, a súa programación cultural e deportiva para este novo curso


O Concello de Muxía deu a coñecer a través do alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, a programación cultural e deportiva ‘Móvete!’ para esta nova temporada 2022/2023.

Este completo compendio de actividades darán comezo a partir do vindeiro mes de outubro e haberá propostas destinadas para todo tipo de público e de idade, no que terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Os trípticos comezarán a repartirse nos colexios da vila durante a vindeira semana.

As persoas interesadas poderán inscribirse no ximnasio municipal de Muxía ata 5 de outubro, de luns a venres en horario de atención ao publico. As prazas serán limitadas e para que unha actividade poida dar comezo será requisito indispensable que haxa como mínimo 10 inscricións en cada unha. No caso de que o número de demandas supere a oferta farase un sorteo público entre as persoas inscritas.

Tras a presentación, a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, destacou “a gran variedade desta programación, que ten como principal obxectivo favorecer a organización e conciliación das familias”.

As actividades culturais abranguen teatro, talleres de estimulación cognitiva, música e baile tradicional, tanto para nenos e nenas como para adultos.

En canto ás escolas deportivas a oferta inclúe fútbol sala, fútbol, iudo, patinaxe, psicomotricidade e balonmán. Ademais, para as persoas adultas haberá ximnasia de mantemento, pilates, GAP, Spinning e tonificación.

As actividades de baile serán baile latino e salón para maiores de 18 anos, e para a rapazada a programación incorpora iniciación á danza e baile moderno.