Tras o éxito e satisfacción das persoas usuarias que asistiron á primeira xornada, o Concello de Muxía programa tres novas sesións do taller básico de iniciación no uso práctico de móbiles.
Estas xornadas, que buscan achegar a tecnoloxía a toda a veciñanza e especialmente á máis envellecida, contarán con tres talleres máis os días 26 de outubro e 2 e 9 de novembro, en horario de 10:30 a 12:30 h, no salón de plenos do Concello de Muxía.
No primeiro taller celebrado a semana pasada, as persoas usuarias aprenderon a entrar na plataforma do Sergas, para pedir citas por teléfono, actualizar datos e ver o funcionamento xenérico da plataforma, entre outras funcións.
Así, o Concello de Muxía busca con esta actividade, realizada conxuntamente entre o Servizo de Asuntos Sociais e Cultura, que toda veciñanza poida aprender ou mellorar as súas habilidades no emprego das novas tecnoloxías, neste caso, o dos teléfonos móbiles.
Todas as persoas que queiran participar nesta obradoiro formativo, enmarcado dentro do programa Xuventude con talento, deberán inscribirse chamando ao Concello no 981 74 20 01. O único requisito é asistir co seu propio dispositivo móbil.
A concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, o concelleiro de Deportes, Felipe Vilela e o alcalde, Iago Toba, visitaron a primeira xornada celebrada a pasada semana e anunciaron a celebración dos novos talleres que “son unha ferramenta moi útil para achegar a toda a veciñanza estes coñecementos que son fundamentais nos trámites do día a día e na forma que temos de relacionarnos na actualidade a través dos terminais móbiles”.