O equipo de goberno do Concello de Muxía presentará no pleno do vindeiro luns 13 de febreiro un plan de investimento, a cargo do POS 2023 da Deputación da Coruña, centrando na mellora da rede viaria e nun novidoso proxecto de limpeza e de emprego para a vila da Barca.
Propostas firmes para a mellora da rede viaria
Para a coñecida e concorrida praia de Nemiña, o executivo proporá a reposición total do firme e a mellora da estrada que une o areal co núcleo de Vilela e de Nemiña, e que actualmente está en moi mal estado.
No núcleo de Touriñán, o plan inclúe a mellora e acondicionamento con aglomerado das cinco entradas que conclúen no lugar e que se unirían tamén coa estrada principal a Touriñán, facendo unhas conexións entre elas.
Outra das importantes obras presentes no plan, que conta cunha inversión de preto de 100.000€, é a construción en aglomerado da vía que une Alberguería (cruce de Agreiras) ata pasado o núcleo de Os Castelos. Unha vía que será continuada, unha vez se faga este gran tramo, en fases ata Viseo.
O equipo de goberno tamén inclúe na proposta a mellora da vía que une Quintáns coa praia do Lago, facendo así as conexións coa estrada que se vai a construír de Lago a Leis.
Novidoso proxecto de limpeza e creación de emprego
Por outra banda, o goberno local propoñerá investir máis de 108.000 euros deste POS 2023 na creación dun novidoso programa de limpeza para o municipio que ao mesmo tempo xerará emprego na propia vila. Tratase dun proxecto propio do Concello de Muxía e que buscará a creación de varios postos de traballo á vez que repercuta na limpeza do municipio en todos os seus ámbitos.
En referente ao POS Social, o goberno local tamén pretende destinar unha importante cifra que ascende a case 80.000 euros.
Tras o anuncio do proxecto de investimento deste POS, o alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou que “este plan de obras e de emprego é unha nova mostra de que este goberno pensa e inviste en mellorar Muxía con datos, con proxectos e con realidades”.
O concelleiro de obras, Javier Romar, puxo en valor “a aposta en firme deste goberno local por mellorar a rede viaria de Muxía e por poñer solución a demandas históricas da veciñanza”.