- Durante este mes haberá catro representacións nos concellos de Corcubión, Dumbría, Cee e Fisterra
A vila de Muxía será o punto de partida e de chegada dos diferentes itinerarios encadrados dentro do proxecto ‘Naufraxios no Camiño do Fin da Terra’ que se presentaron este luns na punta da Barca. Trátase dunha serie de actividades para dar a coñecer a cultura inmaterial da Costa da Morte a través das historias dos naufraxios.
O alcalde, Iago Toba, resaltou a importancia de que unha «iniciativa deste calado, cultural, social e patrimonialmente» teña como punto de partida e chegada a «nosa Barca, enclave moi importante para entender os naufraxios na Costa da Morte».
Haberá catro representacións en total que darán comezo ás 21:30 horas e para as que será preciso obter unha entrada:
• 18 de setembro: Praia do Ézaro, Dumbría.
• 19 de setembro: Praia de Quenxe, Corcubión.
• 25 de setembro: Praia de Gures, Cee.
• 26 de setembro: Praia Langosteira, Fisterra.
Visitas guiadas
Estas rutas terán lugar os días 1,2 e 3 de outubro, con punto de saída e chegada o Santuario da Virxe da Barca. Será un percorrido lineal no que os participantes gozarán, grazas a un guía especializado, de varios puntos da ría de Camariñas como o Faro Vilán, o Cemiterio dos Ingleses, Arou e Camelle. Entradas en www.naufraxios.com.