- Desde o goberno local están a revisar a situación urbanística para desbloqueala o antes posible
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Muxía, aprobado no 2014, volveu a levar un revés por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -TSXG-. Unha recente sentenza da institución, recaída no Recurso contencioso-administrativo presentado por una veciña contra a Orde da Xunta de Galicia pola que se aprobou o PXOM do concello, anula o mencionado Plan.
O alcalde, Iago Toba, resaltou que a administración local está a revisar a situación urbanística de Muxía para tratar de desbloqueala o antes posible. “É a nosa intención instar ante a Xunta de Galicia o inicio do procedemento que corresponda para poder dispoñer dunha normativa actualizada e adaptada ás necesidades de Muxía”, destaca.
Ata que iso non se produza, serán as NNSS de Planeamento Municipal do ano 1996, a Lei 2/2016, o regulamento da Lei do Solo de Galicia e o Plan básico autonómico, a normativa aplicable ás solicitudes de licenza que se presenten no Concello.
Esta alcaldía quere tamén manifestar que compartiu no seu momento e segue a compartir actualmente a opinión da Xunta na tramitación do PXOM de Muxía, e o seu non sometemento á Avaliación Ambiental Estratéxica (base do recurso contencioso).
“Ás veces, as interposicións de demandas contra decisión das AAPP disfrázanse de salvación de cuestións medioambientais cando as verdadeiras razóns son só de intereses particulares lexítimos, pero individuais, como neste caso”, sinalan desde a alcaldía, onde ademais fan fincapé en que “todo o acaecido supón inseguridade xurídica e un paso atrás no concepto de ordenación do territorio axeitado aos tempos e crecemento urbanístico controlado”.