Muxía quere mellorar as antigas escolas unitarias para dinamizalas

1 minutes read

O alcalde, Iago Toba, coloca como un dos puntos de interese do Goberno que lidera a mellora das antigas escolas unitarias de Muxía. «Queremos darlle prioridade as accións naquelas que están a ser máis empregadas pola veciñanza neste momento. A nosa intención con estas accións de mellora é que potenciar as súas posibilidades e que sexan un elemento dinamizador das actividades da poboación no noso Concello», explica Toba.

Nesta liña de actuación estarían a escola de Merexo, a de Castelo ou a de Quintáns.

Hai que recordar que o Goberno municipal muxián xa acometeu no anterior mandato importantes reformas na escola unitaria de Muíños. O recinto converteuse nun punto de actividade diversa.

Igualmente, da man dun obradoiro de emprego, estase a mellorar a unitaria de Senande. A idea do equipo liderado por Toba é «seguir coa liña de melloras iniciada no pasado mandato».

Moitos destes recintos contan cun valor engadido ao formar parte da historia dos lugares nos que están radicadas e, polo tanto, do propio Concello de Muxía. Un exemplo é a que fora escola unitaria de Merexo, ou a de Castelo. Esta última ten nos membros da asociación ‘Os Casteláns’ uns dos seus principais colectivos de persoas usuarias. Estas dúas escolas están entre os recintos que se pretenden mellorar neste mandato para dinamizar a actividade veciñal e facer os espazos máis accesibles para o uso das veciñas e veciños.