- Desde o goberno local organizarase o Campamento ‘Pekebarca’ durante os días 7, 8 e 9 de setembro
O Concello de Muxía proxecta un compendio de actividades para o mes de setembro onde a rapazada do municipio será a protagonista. En total celebraranse catro actividades culturais durante as próximas fins de semana onde destaca Campamento ‘Pekebarca’, previsto para os días 7, 8 e 9 de setembro. Para esta última actividade as inscricións poderán formalizarse ata o 4 de setembro, xa que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poderanse inscribir no 981 74 20 01.
O programa cultural comezará este día, con Eduvia e os seus ‘Contamos en igualdade’. Será ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal, coma o resto de actuacións. Esta obra pretende rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados ás personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesma condición social, cultural ou funcional.
O día 11 de setembro, tamén ás 18:00 horas e novamente na Biblioteca Municipal, Trinketrinke escenificará o seu espectáculo ‘O coelliño branco’; mentres que á mesma hora pero o sábado 19, tocaralle o turno a Pakola con «As parábolas de Pakolas», onde Paco Cerdeira interpretará en directo unha escolla dos seus temas para público infantil-familiar, con música de estilo moi rockeiro que entusiasma aos nenos e nenas.
Por último, o venres 25 de setembro, tamén ás 18:00 horas, a compañía O Carballo con Botas porá en escena a obra ‘A pequena fábrica de corazóns de papel reciclado’, tamén na Biblioteca Municipal. Un singular fabricante de corazóns tratará de reciclar as malas novas de violencia de xénero, de machismo e desigualdades, para fabricar uns fermosos corazóns de papel reciclado cos que homenaxear a nobel da paz con monicreques tecidos por cooperativas do comercio xusto.
Estas actividades estarán organizadas baixo estritas medidas de seguridade. Será obrigatorio o uso de máscara sanitaria en nenas e nenos maiores de 6 anos.