Muxía recibe unha subvención para melloras de instalacións deportivas

O Concello de Muxía recibiu a comunicación oficial da concesión dunha subvención de 31.567,94 euros, por parte da Xunta de Galicia, para adquisición de equipamento e melloras de instalacións deportivas.  

Na última sesión plenaria, a portavoz do BNG de Muxía, Mercedes Barrientos, acusou ao Goberno local de non ter interese en conseguir axudas económicas para a veciñanza. Tras a concesión, o alcalde de Muxía, Iago Toba, quixo puntualizar que “con este feito, non só se demostra con obxectividade que, ou ben a señora portavoz do BNG faltou á verdade intencionadamente ou que sinala e acusa sen ter coñecemento exacto de cada caso”, destacou Toba.

Engade que “ademais xa non é a primeira vez que a señora Mercedes Barrientos acusa sen base a este Goberno local e ao propio alcalde, demostrándose en reiteradas ocasións que non di a verdade. Esperamos que da mesma forma que en pleno e publicamente errou na súa intervención, agora recoñeza que faltou á verdade ou que falou con descoñecemento”.

Coa luz verde desta axuda, o executivo confirma a súa constante predisposición para seguir colaborando con outras administracións para acadar axudas e melloras para Muxía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha