Unha muller foi rescatada a pasada noite, sen vida, do interior dun pozo no lugar de Añobres, na parroquia de Moraime en Muxía. O seu home e os seus fillos, emigrantes en Suíza, deron a voz de alarma tras chamala reiteradamente por teléfono e esta non responder. Despois de ser alertados os veciños e o CIAE 112 Galicia, o corpo sen vida da muller foi atopado no interior dun pozo da vivenda duns 8 metros de profundidade. Co requerimento da autoridade xudicial, os bombeiros da Costa da Morte procederon á extracción do corpo, coa colaboración de efectivos de Protección Civil de Muxía. Segundo Protección Civil «a intervención foi laboriosa e complexa dadas as dificultades de acceso e espazo». Tamén participaron no operativo axentes da Policía xudicial de Carballo, Garda Civil e Policía Local así como efectivos do 061. O corpo da muller, de 60 anos de idade, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) para realizarlle a autopsia, en aras de esclarecer o sucedido.
32