Muxía retoma a execución das obras da depuradora e saneamento de Trasufre

2 minutes read

Así o anunciou o alcalde, Iago Toba, despois de aclarar que se tiveron que levar a cabo “modificacións no proxecto entre Concello, Deputación e técnicos para dar coa mellor solución construtiva, co obxectivo de que nun futuro as molestias sexan mínimas para os veciños e veciñas do lugar”.

A maquinaria xa está a traballar no núcleo de Trasufre, no que se está a facer un investimento total de case 130.000 euros, dos que quedan por executar máis de 60.000 euros para a súa posta a punto.

Segundo indicou Toba, “trátase dun gran investimento, tanto para a zona de Trasufre, como para toda Muxía, mellorando unha infraestrutura de carácter básico que vai incrementar a calidade de vida da veciñanza”.

O rexedor indicou que “con este tipo de actuacións, este goberno consolídase como o executivo que mais investimento dedica á construción de saneamento en proporción a investimento real en obras”.

Un investimento de máis de 200.000 euros para o saneamento en Frixe

O Concello de Muxía está realizando tamén o proxecto de execución do saneamento en Frixe, que ata o de agora suma un investimento de máis de 200.000 euros, e que na súa derradeira fase culminarase cunha nova depuradora.

O dirixente subliñou “a importancia que lle damos á prestación de servizos ás zonas máis rurais do municipio, e en concreto ao saneamento, realizando actuacións fundamentais para a nosa veciñanza”.

Por último, Toba anunciou que “proximamente licitarase a depuradora de Quintáns, incrementando o investimento noutros 100.000 euros”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?