Muxía retoma a XXIV ‘Festa do congro’ coas actuacións do Combo Dominicano e a Mega CDC

1 minutes read
  • Entre as actividades destacan a degustación do congro e do mexillón, música en directo e unha mostra de artesanía en vivo

Muxía celebrará este ano a XXIV edición da Festa do congro, un evento onde se mesturan a gastronomía, a música tradicional en directo e a artesanía. Pero hai novidades. Tras dous anos de parón debido á pandemia da Covid-19, o Concello decidiu elaborar un programa lúdico moi completo que contará coa actuación musical de El Combo Dominicano e a discoteca móbil Mega CDC. Ambas actuacións están programadas para a noite do venres, 15 de abril, aínda que haberá festa durante dúas xornadas.

O Venres Santo, a partir das 13:00 horas, será posible degustar o congro en diferentes pratos no porto muxián. A xornada gastronómica estará amenizada, como xa é tradición, polo grupo musical Xaramiños do Corpiño. A continuación terá lugar a sesión vermú a cargo do Dúo Charada.

A programación para o sábado arrincará ás 13:00 horas no paseo marítimo, que acollerá a degustación do mexillón así como outra sesión vermú e verbena a cargo do Dúo Charada.

Artesanía en vivo

A artesanía tamén xoga un papel importa nesta celebración. Durante o venres e o sábado os visitantes poderán gozar da mostra de artesanía en vivo na Casa das Beiras. Tamén estará dispoñible unha exposición dos secadoiros tradicionais de congro.