- O rexedor anunciou unha axuda económica para todas as asociacións co obxectivo de afrontar a situación actual derivada da pandemia.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, xunto con outros membros do executivo local, reuniuse cos representantes das diferentes comisións de festas parroquiais do municipio no Multiusos da Camposa. Neste encontro intercambiaron impresións con eles para coñecer a fondo a situación actual e valorar as suxerencias propostas, ademais de mostrar o apoio do goberno a estas agrupacións, que realizan unha labor tan necesaria.
O rexedor quixo incidir no valor que estas comisións aportan á vila posto que “as festas parroquiais son un dos grandes elementos de conservación das nosas tradicións e do patrimonio histórico”, remarcando, ademais, que desde o Concello son “conscientes do arduo traballo que supón a planificación e a execución deste tipo de eventos, posto que son traballos en moitos casos moi pouco agradecidos”.
A este encontro acudiron representantes de 9 comisións diferentes, que son as encargadas de organizar as festas do Pilar de Suxo, Socorro de Coucieiro, Socorro de Vilastose, Carmen de Moraime, San Cristovo de Nemiña, San Roque de Moraime, Santiña de Trasufre, San Juan de Castelo e San Isidro de Quintáns.
Toba tamén anunciou no encontro a iniciativa que presentarán no vindeiro pleno, que consiste nunha axuda económica a todas as asociacións para afrontar a situación actual, que se viu notablemente empeorada a consecuencia da pandemia. Esta subvención, que será de carácter nominativo, ten como obxectivo afianzar a continuidade e as actividades das festas e servirá como complemento á axuda habitual anual que viña sendo dada por concorrencia competitiva.