- O Concello habilita ata este sábado un punto de recollida de provisións no edificio de Servizos Múltiples
A solidariedade galega coa poboación de Ucraína tras a guerra iniciada por Rusia o pasado 24 de febreiro, e que deixa este martes preto de 2 millóns de refuxiados segundo datos da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), segue crecendo.
Muxía é un dos concellos galegos que esta semana iniciou unha campaña de axuda humanitaria para recoller e enviar medicamentos e produtos básicos ao país ucraíno. Quen desexe sumarse a esta iniciativa pode acudir á Sala da Camposa do edificio de Servizos Múltiples, en horario de 17:00 a 20:00 horas, para deixar a súa aportación.
Desde o Concello destacan que se precisan produtos sanitarios básicos como luvas, tesoiras, xiringas, mantas térmicas, vendas, gasas, auga osixenada ou alcohol, entre outros. Tamén se recollerán sacos de durmir, lanternas, baterías e pilas, xabón ou xeles. Conservas en lata, leite en po e para bebés, roupa interior térmica e cueiros ou roupa de neno de 0 a 4 anos son outros dos produtos máis demandados para a cidadanía.
Acollida de refuxiados e concentración en contra da guerra
Para este xoves está organizada unha charla no salón do Voluntariado, ás 20:00 horas, sobre a acollida de familias afectadas polo conflito bélico. O domingo celebrarase unha concentración no Cabo da Vila ás 19:00 h para realizar unha lectura do manifesto en apoio a todas as persoas afectadas e en repulsa da guerra.
O alcalde, Iago Toba, destacou que Muxía «sempre vai ter a man tendida para as persoas que o necesiten e, nesta ocasión, entendemos que desde o Concello tiñamos que actuar e poñer o nos gran de area para axudar a todas as persoas que están a sufrir nesta traxedia».