Muxía únese pola defensa do secadoiro de congro clausurado por Sanidade

3 minutes read
  • O rexedor emitiu un comunicado solicitando ás Administracións vías de protección para uns monumentos que son un símbolo da identidade do pobo

Hai uns días Sanidade clausuraba un dos dous secadoiros de congro artesanais de Muxía por non ser compatible coas normas comunitarias. O seu propietario, Juan Diz, de 92 anos, mostrouse desconsolado ante a nova xa que en décadas de traballo nunca tivo problemas.

O alcalde, Iago Toba, emitiu un comunicado onde destaca que «os secadoiros de congros son un emblema da nosa cultura e tradición, patrimonio de Muxía que debemos de coidar e protexer». Tras achegarse ata a vivenda de Juan Diz, onde mantivo un encontro informal para coñecer a situación actual da familia, Toba denunciou que «dende hai un tempo estamos asistindo a un desmantelamento da forma de vida da costa» con normas e prohibicións que «dan as costas aos oficios tradicionais» e que están baseadas nunha «total insensibilidade e descoñecemento do que é a nosa vida».

O congro é un pescado branco que foi moi apreciado na Idade Media ao usarse como troco entre os comerciantes e mariñeiros galegos con habitantes de Cataluña, Castela ou Aragón. Ademais, é o produto estrela da festa gastronómica que se celebra na vila da Barca cada Venres Santo. Sen embargo, a tradición do secado artesanal vai máis alá.

Trátase dun oficio con centos de anos ás costas nos que un artesán laña o peixe e lle realiza varios cortes transversais do mesmo tamaño para posteriormente deixalo secar ben nas cabrias (estruturas de madeira) grazas á forza do vento. Semanas máis tarde o congro seco é comercializado como un manxar, tendo como principal destino a localidade de Calatayud (Zaragoza).

Un dos problemas que atopou a Consellería de Sanidade neste secadoiro é que calquera pode acceder ao mesmo, podendo contaminar o produto. Algo do que difiren tanto Diz coma o seu neto Juan, quen aseguran que o congro está vixiado e ninguén se achega ao mesmo. Por outra banda, o alcalde pregunta ao ente autonómico cales son os seus «argumentos lóxicos» para pechar un negocio coma este, e móstrase «indignado por este atentado» que afecta a varias familias pero tamén ao propio oficio símbolo da «identidade» muxiá.

Turismo

Desde o Concello tamén notifican que nos últimos meses se desenvolveron varias visitas educativas e guiadas a este tipo de instalacións, sendo ademais outro atractivo turístico máis do municipio xa que non todo é «comer e tomar o sol». «O turista tamén quere, cada vez máis, vivir experiencias e por aí van as novas tendencias nas estratexias de promoción de turismo», sinalou o alcalde.

Petición de reconsideración

O Concello pide «sensibilidade» cun tema que dá de comer a varias familias formadas ademais por mozos que «respectan o legado familiar e que non renegan da súa tradición mariñeira» e que se forman para «facer as cousas ben». Destaca que o sucedido non é o resultado dunhas «prácticas mal feitas» senón dunha técnica tradicional como tamén o foron o afumado e o salgado.

Desde o goberno local solicitan que as Administracións traballen para buscar alternativas de mantemento destes «monumentos da cultura do mar».