O Concello de Muxía prepara unha nova edición de «Outono en Escena», o ciclo cultural que un ano máis levará o teatro ás rúas e espazos municipais durante os meses de outubro, novembro e decembro, cunha programación pensada para diferentes públicos.
A nova edición desenvolverase do 17 de outubro ao 19 de decembro e contará con oito propostas que combinan teatro, narración oral, espectáculos familiares e outras actividades culturais.
O programa arrancará o sábado 17 de outubro, ás 20.00 horas no Salón do Voluntariado, coa obra «D.E.P» de Malasombra Teatro, destinada ao público adulto. O sábado 24 de outubro será a quenda do público familiar coa proposta «Son Animal», de Paco Nogueiras, ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal.
A programación continuará o 7 de novembro con «Brazaletes», de Amorodio Teatro, ás 20.00 horas; o 14 de novembro, coa celebración do Magosto das Abaladeiras, na Lonxa de Muxía; e o 21 de novembro, con «Contos para contar cartos», de Avelino González, ás 20.00 horas.
Xa o 28 de novembro, o público familiar poderá desfrutar de «Henrico “O Feiticeiro”», de Cultura Activa, mentres que o 12 de decembro chegará «Rosa Caramelo», de Talía Teatro. O ciclo pecharase o 19 de decembro con «Dedín, Dedín, Dedal», de Malasombra Teatro, tamén dirixido ao público familiar.
As entradas para os espectáculos destinados ao público adulto terán un prezo simbólico de 1 euro, mentres que as propostas familiares serán de acceso gratuíto.
«Outono en Escena» conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, e dá continuidade a unha programación que na súa pasada edición levou a Muxía compañías e artistas do panorama teatral galego como Talía Teatro, Malasombra Teatro, Títeres Alakrán, ButacaZero ou Avelino González.
Sandra Vilela: «Muxía segue viva tamén no outono»
A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destaca que «Outono en Escena» forma parte dunha maneira de entender a programación cultural municipal que busca que Muxía teña actividade durante todo o ano e non unicamente nos meses de verán.
«Muxía segue viva tamén no outono. Cando remata o verán non paramos, simplemente cambiamos o escenario. Seguimos tendo cultura, actividades, encontros e propostas para diferentes idades porque queremos que Muxía sexa un lugar con vida durante os doce meses do ano».
Vilela sinala ademais que o ciclo de teatro é «só unha das propostas que temos preparadas para este outono».
«Temos por diante meses con moita actividade e iremos dando a coñecer pouco a pouco todo o que está preparado. Queremos que haxa motivos para saír, para participar, para atoparnos e para seguir vivindo Muxía tamén fóra da tempada alta».
A responsable municipal de Cultura anima así a público de todas as idades a participar nunha programación que «mantén o teatro e a cultura ao alcance de todos, con entradas simbólicas para os espectáculos de adultos e propostas gratuítas para o público familiar».
Porque en Muxía o verán remata, pero a actividade non. Muxía segue viva tamén no outono.
